Thursday 16 de May de 2024

A Filmoteca de Galicia programa na Fundación Barrié unha retrospectiva do cineasta xaponés Mikio Naruse


— Os once títulos que compoñen o ciclo do centro audiovisual da Xunta poderanse ver na Coruña do 2 ao 15 de marzo, con sesións ás 17,00 e ás 19,30 h. e entrada de balde

— ‘La voz de la montaña’, ‘El almuerzo’, ‘El sueño de cada noche’ ou ‘Cuando una mujer sube una escalera’ son algunhas das fitas incluídas nesta iniciativa desenvolvida xunto coa Fundación Xapón, o Círculo de Belas Artes e outras cinematecas españolas

A Filmoteca de Galicia retoma a programación para ofrecer unha retrospectiva do mestre do cinema xaponés Mikio Naruse, con once títulos que se poderán ver na sede coruñesa da Fundación Barrié debido ás obras de modernización que se están a acometer no centro audiovisual da Xunta. Trátase dunha iniciativa desenvolvida en colaboración coa Japan Foundation e en paralelo coas filmotecas de Valencia e de Cataluña, así como co Círculo de Belas Artes de Madrid. O ciclo comeza este mércores e prolóngase ata o día 15 con sesións ás 17,00 e ás 19,30 h. A entrada é de balde ata completar a cabida.

Nacido en 1905, Mikio Naruse é un dos grandes autores cinematográficos a nivel mundial, cunha obra á altura de nomes tan coñecidos como Ozu, Kurosawa ou MIzoguchi. As súas películas están marcadas por amores cheos de complexidade e retratos de mulleres de personalidade forte que se confrontan cos límites sociais.

Apertura con ‘Madre’
A retrospectiva Esenciais: Mikio Naruse ábrese o día 2 ás 17,00 horas coa película Madre. Inspirada nunha colección de ensaios de estudantes de Primaria sobre as súas nais, debuxa un retrato episódico e realista da nai xaponesa media e da súa loita cotiá durante a posguerra. Nesa mesma data, ás 19,30 h., exhibirase La voz de la montaña, un dos filmes favoritos do seu autor. O venres será a quenda de El almuerzo, na que destaca a sutil interpretación de Setsuko Hara, e de Crisantemos tardíos, baseada na novela de Fumiko Hayashi.

Xa a vindeira semana, o luns 7 haberá unha única sesión ás 17,00 h. con El sueño de cada noche, a máis famosa das películas mudas de Naruse. O martes 8 recupérase a dobre sesión con Nubes flotantes, baseada na novela homónima de Fumiko Hayashi e considerada a mellor obra de Naruse e unha das máis destacadas da historia do cine. Seguiralle na mesma xornada A la deriva, retrato das reviravoltas dunha casa de gueixas baseado nunha novela de Aya Koda e que reúne algunhas das grandes actrices xaponesas da época.

O ciclo continúa o luns 14 con Tormento, na que Naruse altera a estrutura moral convencional ao introducir o amor entre nora e cuñado, e Nubes de verano, centrada nos cambios drásticos que aconteceron no Xapón rural da posguerra a causa da reforma agraria e do crecemento económico. O peche, o martes 15, póñeno con Cuando una mujer sube una escalera, unha das mellores películas de Naruse, cunha sobriedade que agocha só en parte a súa crueza, e Nubes dispersas, na que aborda unha das formulacións esenciais do seu cine, a das barreiras insalvables coas que se encontra unha parella de amantes.